GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DE LA INMIGRACION EN LOS AYUNTAMIENTOS DE GALICIA
Herramientas
-LegislaciónOrganismos-

«En Alemaña hai máis confianza no traballador»

(26/09/2022)

«En Alemaña hai máis confianza no traballador»

MAITE RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

 

ceda

 

Estabilidade, mellor salario e condicións laborais manteñen ao ourensán Diego Campos en Colonia

 

26 sep 2022 .

 

Diego Campos, ourensán do barrio de As Lagoas, leva oito anos vivindo en Colonia, a cuarta maior cidade de Alemaña. Alí desenvolve a súa profesión de traballador social, para a que se formou no campus ourensán da UVigo, onde obtivo o grao. Canso da precariedade laboral e de encadear contratos temporais, ata que a crise económica o deixou sen traballo no 2013, decidiu emigrar buscando un mellor futuro. Xunto coa súa parella, Blanca, elixiron Alemaña, o país no que ela naceu e se criou ata os cinco anos. Diego explica que durante un ano dedicouse a preparar a partida, aforrando todo o que podía, estudando alemán —pola súa conta primeiro e logo cunha profesora nativa— e buscando aloxamento e traballo a través de internet.

 

A decisión de establecerse en Colonia (Renania do Norte-Westfalia) veu motivada porque alí vivía a mellor amiga da muller de Diego, que tamén é traballadora social e o orientou neste campo. Lembra a data, 21 de xullo de 2014, na que comezou a vivir nesa cidade coa súa dona e o fillo. E aí seguen. Mesmo con planificación previa e con apoio no país de destino, Diego comenta que os inicios, como adoitan ser, foron moi duros.

 

Tiña un nivel básico de alemán e só puido facer de entrada traballos non cualificados na hostalaría mentres acudía a cursos do idioma na universidade popular. Traballo atopouno logo pois hai moita demanda en todos os sectores, pero había outro problema maior: a vivenda. «Custa moito atopar un piso fixo, polo que tes que ir aproveitando os que subarrendan cando marchan —un, tres, seis ou dez meses— os inquilinos de vacacións, a traballar fóra ou de ano sabático», explica. Así, recorda que durante os primeiros anos tiveron que facer oito ou nove mudanzas.

 

Agás esa dificultade, no resto dos eidos Diego Campos topou máis facilidades. Encontrou unhas condicións laborais nas que se valora o traballador. Cre que esta é a maior diferenza con respecto a Galicia. «Eu nunca tivera en dez anos un contrato indefinido! En xeral, penso que aquí hai unha maior confianza no traballador. Cóidase que estea a gusto no traballo, para así ter un bo rendemento». Máis vacacións (30 días hábiles) maior soldo (tres veces máis e coas horas extras computadas e pagadas exactamente) son outras vantaxes que non vira antes no seu campo, o dos servizos sociais. A organización do traballo é ben diferente. Como traballador social está contratado a xornada completa —40 horas de luns a venres que reparte de forma flexible— por un prestador de servizos sociais subcontratado polo equivalente a concellería de servizos sociais do Concello. «Recibimos un encargo —o caso dun menor ou dunha familia— por parte do servizo público de menores e somos nós os que traballamos en contacto directo cos usuarios, informando da evolución do caso os traballadores sociais municipais, que se dedican más a temas burocráticos e de xestión», detalla.

 

Fóra do traballo, Diego comenta que a súa vida non difire moito da que tiña en Ourense. «Paso o tempo coa familia e amigos, ou adestrando no ximnasio ou no campo de rugbi», salienta. Este deporte, que xa practicaba en Ourense, foi un medio para coñecer xente local: «A través do rugbi, que se caracteriza polos seus valores, é moi doado facer relacións sociais. Só tes que ir o club e automaticamente, es ben recibido». Neste tempo, Campos non observou cara el ningún desprezo por ser estranxeiro. Para a integración axuda o seu maior coñecemento actual do alemán, idioma que aínda lle resulta complicado, pero que é indispensable para comunicarse coas familias e mozos que ten ao seu cargo.

 

Unha das diferenzas culturais que aprecia Diego é o valor que os alemáns lles dan o tempo. «Non aturan perdelo o malgastalo. De aí que sexan tan puntuais», reflexiona.

 

Infancia e xuventude nas Lagoas, presente en Colonia.

 

 

Diego Campos Seijo (1982) medrou nas Lagoas (Ourense), estudou no CEIP Mestre Vide, no IES As Lagoas e na Facultade de Ciencias da Educación. «Sempre vivín moi apegado ao meu barrio, do cal gardo grandes recordos», asegura. En Ourense tivo as primeiras experiencias laborais con contratos temporais que, polo menos, lle permitiron coñecer os beneficiarios da súa profesión: drogodependentes, maiores ou persoas sen fogar. Considera Ourense como o seu «lugar no mundo» e aquí están a familia e os amigos, polo que tenta vir unha ou dúas veces ao ano, se é posible. Porén, non ten expectativas de retornar a curto prazo. «No meu campo laboral o único que me agardaría sería unha bonita oposición. De momento estou ben aquí. Volver dependería de que tanto a miña muller coma eu tivésemos un posto laboral estable e acorde coa nosa formación».

 

 A vida en colonia

 

Colon¡a, como describe Campos, é unha cidade de máis dun millón de habitantes e ten «unha grande e variada oferta de ocio e cultura, polo que sempre hai algún plan que facer». Os coloneses e os renanos son de «carácter aberto, tolerante e cheo de humor; non son tan cuadriculados coma nós os percibimos». O carnaval é toda unha relixión. Comeza o 11 do 11 ás 11.11 horas. «É digno de ser vivido», enfatiza.

 

 

Noticias y Actualidad


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeJVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contraseña:
 

 
¿Olvidó su contraseña? | Alta

OBJETIVOS | INTEGRACIÓN | HERRAMIENTAS | LEGISLACIÓN | ORGANISMOS | NOTICIAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas