GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DE LA INMIGRACION EN LOS AYUNTAMIENTOS DE GALICIA
Herramientas
-LegislaciónOrganismos-

A memoria da emigración, no cole

(04/11/2022)

A memoria da emigración, no cole

O alumnado do CPI de Navia de Suarna está artellando un arquivo común coas historias dos emigrantes que houbo en cada casa

 

 

undefined

photo_camera Isabel Luna, co avó Teo, na biblioteca do CPI Plurilingüe de Navia de Suarna. EP

 

 

Primeiro, din que non. Que na súa casa non hai tal cousa. Logo comezan a pasar as páxinas dos álbumes familiares, ou a tirar da saia da avoa, para pedirlle que conte, que conte que foi do tío, do avó, do tío avó, da bisavoa, da curmá. E resulta que si, que sempre hai algunha pista que se perde nos camiños do mundo.

 

O CPI Plurilingüe de Navia de Suarnapuxo en marcha un proxecto ao que nomeou Interconectados. Lembrando a emigración naviega, e que consiste na elaboración dun arquivo por parte de toda a comunidade educativa. Por suposto, o papel principal teno o alumnado, que cada día engorda o mural adicado ao tema no centro con fotografías, cartas, diarios, postais ou mesmo ausencias.

 

Varios camiños confluíron para concretar esta actividade. Por unha banda, o impulso primeiro veu da entrada do centro no Plan de Melloras de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia. Por outro, como centro plurilingüe, cada ano dispoñen dun lector de inglés, e este ano teñen a un mozo australiano. E foi xusto alí, nas antípodas da terra na que poñemos os pés, que decidiron comezar, da man da responsable da biblioteca, Isabel Luna, unha viaxe.

 

"Teo é un peluche, pero tamén un avó, un avó que vén de Australia, e que conta as súas memorias na biblioteca. Porén, cómpre facer as preguntas con xeito, porque só da pistas dos lugares nos que traballou por medio mundo, que hai que adiviñar", conta Isabel.

 

Dese fío tan lonxano, deron cunha historia ben próxima. O pai de Isabel, por exemplo, foi un dos homes que se candidatou na Operación Canguro, un acordo migratorio entre a ditadura franquista e o Goberno australiano nos 60, que tiña por obxectivo o de repoboar zonas dese país con persoas brancas e católicas, conta Isabel. "El non marchou, pero fixera a entrevista, e os fillos, cando nolo contaba, case pensabamos que era algo fantástico", indica.

 

undefined

Un dos documentos do mural. EP

 

Do mesmo xeito, moitos dos alumnos de Navia "din, ao comezo, que non teñen historias de emigración na súa casa", explica. Porén, cando investigan, danse conta de que non é así. O proxecto só vén de acender o motor, pero nesa viaxe por terra ou por barco xa conta con varias descubertas. Por exemplo, unha das alumnas soubo dun emigrante a Miami na súa familia, e outra descubriuse descendente dun home que dixo que ía á feira e marchou a Cuba, para só volver con cartos aforrados para comprar unhas terras.

 

Con todos estes achados, o CPI quere facer unha páxina web. Porén, polo momento, aínda queda moito fío que coser.

 

 

 

 

Noticias y Actualidad


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeJVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contraseña:
 

 
¿Olvidó su contraseña? | Alta

OBJETIVOS | INTEGRACIÓN | HERRAMIENTAS | LEGISLACIÓN | ORGANISMOS | NOTICIAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas