(12/04/2010)
Os emigrantes en Suíza piden por carta a Zapatero que impida recortes no seu dereito ao voto
O Consello de Residentes Españois (CRE) da demarcación consular de Berna-Basilea enviou unha carta ao presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero , para pedirlle que impida calquera recorte no dereito de sufraxio dos cidadáns que viven no estranxeiro. Neste sentido, o CRE considera que Zapatero debe paralizar calquera tipo de «decisións sectarias e partidistas que vulneren dun modo solapado os dereitos fundamentais» da emigración.
A misiva, asinada polo presidente do consello, o galego Ramón Carreira Collazo, subliña -«por imperativo constitucional», polo seu «compromiso moral» e «por responsabilidade política cos nosos electores»- a súa oposición a calquera forma minguada de voto, xa sexa sufraxio «censitario, capacitario ou familiar». O CRE recorda que é un fito irrenunciable «o marco de liberdade e igualdade no acceso á participación política dos cidadáns españois residentes no exterior».
Movidos por «a incerteza creada» polas informacións aparecidas nos medios de comunicación sobre o proxecto de reforma, o consello de Berna e Basilea aprobou por unanimidade apelar a Zapatero -como «garante e defensor das minorías»- para que non permita que esta iniciativa siga adiante.
Tras argumentar profusamente os seus dereitos en base á Constitución e á Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeneral, os emigrantes en Suíza advirten de que, de non achar eco as súas demandas, resérvanse todas as accións que os asistan, «incluída a mobilización social».
|
OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO
(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
inmigracion@fegamp.es
Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas