GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O derrubamento da inmigración acelera o declive demográfico

(05/04/2011)

O derrubamento da inmigración acelera o declive demográfico

Galicia rexistra a primeira perda neta de poboación desde o ano 2004

Autor:
mario beramendi
Localidade:
santiago / a voz
Data de publicación:

Os peores agoiros sobre o declive poboacional de Galicia xa teñen respaldo nas cifras oficiais. Tal e como presaxiaban os demógrafos, Galicia rexistrou a primeira perda neta de poboación despois de anos dun leve crecemento ininterrompido que se sustentaba nun alicerce que dinamitou a crise: a chegada de estranxeiros. Por vez primeira desde o 2004, a comunidade viu adelgazar o seu censo o último ano en 3.137 habitantes, segundo os primeiros datos do avance do padrón municipal do 2011, feito público onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Coa excepción do leve retroceso experimentado hai sete anos, Galicia viñera gañando poboación desde 1998, tal e como consta na serie histórica do organismo estatal.

O descenso relativo experimentado do 0,1%, a 1 de xaneiro do 2011, é idéntico ao rexistrado en Aragón, Estremadura e Castela e León, e lixeiramente inferior ao de Asturias, cunha caída do 0,3%. Son as catro comunidades que perden poboación. E Galicia colócase como a segunda cunha maior caída interanual en termos absolutos. O descenso de 3.137 habitantes só o supera Castela e León, cuxo censo retrocedeu en 3.773.

O avance de datos do INE non só confirma as predicións dos demógrafos, senón que obriga a pór o reloxo a cero para iniciar a conta do drama poboacional galego. Iníciase unha senda de declive da que se tardarán décadas en saír e que colocará á poboación galega dentro de dez anos a niveis de 1960, segundo as proxeccións do INE. Iso, nun escenario optimista. O instituto estatístico galego, o IGE, vai máis aló e prevé un padrón que, a mediados do século XXI, no 2050, contará cun millón de habitantes menos. Unhas predicións sustentadas nunha foto fixa no 2011 que mostra unha Galicia co rostro cada vez máis engurrado. A poboación maior de 65 anos, 629.444 habitantes, case duplica á que se sitúa por baixo dos 15 anos.

O inicio dunha senda de declive poboacional, confirmada onte polo INE, vén determinada pola escasa capacidade da economía galega para atraer inmigrantes nun contexto de recesión. O último ano apenas chegaron 324, un crecemento do 0,3%, cifras que contrastan coas do 2008 e 2009, cando a comunidade foi capaz de atraer 14.000 e 11.000, respectivamente.

A perda de capacidade para atraer estranxeiros aboca a Galicia a quedar desprovista dunha das bazas que contaba para maquillar o maltreito índice de natalidade. E a enorme bolsa de desemprego tampouco fai presaxiar unha mellora neste aspecto. Ao contrario, empuxa a xeracións mellor formadas a buscar un futuro lonxe. Conscientes da dimensión da crise, os tres grupos parlamentarios puxeron en marcha unha comisión que se encargará de acordar medidas para a revitalización demográfica.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Maio 2024
LMMeXVSD
  12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas