GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Os inmigrantes van demorados nas aulas europeas

(02/01/2012)

Os inmigrantes van demorados nas aulas europeas

Aceprensa (Dec 31, 2011) Internacional

Segundo un informe da OCDE baseado nos resultados do último PISA, moi poucos sistemas europeos logran que os alumnos inmigrantes alcancen o mesmo nivel académico que os nativos. Fóra de Europa destacan Hong Kong, Australia, Nova Zelandia e Canadá.

A diferenza de puntuación en comprensión lectora equivale a un curso de diferenza

Unha forma de avaliar a integración do alumnado inmigrante é comparar os resultados obtidos nalgunha avaliación externa cos dos nativos. Na proba de comprensión lectora do último exame PISA os estudantes nativos obtiveron unha media de 43 puntos máis que os seus compañeiros inmigrantes -o estudo toma como inmigrantes aos de primeira e segunda xeración-. Esta diferenza na puntuación supón o equivalente a un curso de diferenza.

Dentro do continente europeo, os alumnos inmigrantes obteñen mellores ou parecidas cualificacións respecto aos nativos só en países con malos resultados globais en PISA: Hungría, Croacia, Serbia ou Letonia. Existen outros países con bos resultados pero onde os inmigrantes están moi por debaixo dos nacionais: é o caso de Finlandia ou Bélxica.

A única excepción a estes dous modelos é Suíza: cunha puntuación 20 puntos superior á media da OCDE, ten unha diferenza de 43 puntos entre os alumnos nativos e os inmigrantes. Esta é a diferenza media na OCDE, pero o interesante é que reduciu a brecha un 50% nestes últimos 10 anos.

Os países como España, Italia e Irlanda que experimentaron unha brusca suba de alumnos inmigrantes, están a ver como a diferenza crece

Un caso curioso é o de Suecia. Segundo o MIPEX -un estudo que periodicamente avalía as políticas migratorias de máis de 30 países, fundamentalmente europeos-, Suecia goza do mellor sistema educativo en canto á integración dos inmigrantes, cun profesorado moi preparado e unhas aulas axeitadas para a atención da diversidade. Non obstante, a diferenza entre inmigrantes e nativos na proba de lectura de PISA foi de 65 puntos, moi por enriba da media. Ademais, dende o ano 2000 esta brecha aumentou.

Diferentes tendencias

No que a tendencias se refire hai que destacar, para ben, as de Bélxica, Suíza ou Alemaña, tres países cun número moi importante de poboación inmigrante nas súas aulas que lograron reducir a brecha educativa de xeito considerable. Pola contra, Italia, España e Irlanda son os países nos que máis aumentou a diferenza entre inmigrantes e nativos dende 2008.

O caso de Australia é tamén un exemplo: os estranxeiros pasaron de obter 15 puntos menos hai 10 anos a adiantar aos seus compañeiros nativos en 10 puntos na última proba PISA. E todo cun 25% de alumnos inmigrantes por aula, unha das taxas máis altas de toda a OCDE.

Fóra de Europa destacan polos seus bos resultados Hong Kong, Australia, Nova Zelandia e Canadá

Estados Unidos viu aumentar os seus alumnos estranxeiros en 7 puntos (do 13% ao 20%) e non obstante conseguiu que os alumnos inmigrantes puntúen mellor que os nativos da súa mesma clase socioeconómica. Tamén en Nova Zelandia aumentou o alumnado inmigrante do 20% ao 25% sen que se resinta a escasa diferenza de resultados entre uns e outros (15 puntos a favor dos nativos).

En resumo, pódese dicir que os países acostumados a altas porcentaxes de inmigración nas súas aulas están a ser capaces, sobre todo fora de Europa, de moderar ou mesmo eliminar a brecha entre alumnos: tal é o caso de Australia, Canadá, Nova Zelandia, Estados Unidos, Suíza ou Alemaña. En cambio, os países que experimentaron unha brusca suba de alumnos inmigrantes, sen estar afeitos a iso, nos últimos anos están a ver como a diferenza crece: España, Irlanda e Italia son tres claros exemplos.

Non obstante, existen excepcións a estes patróns: Rusia pasou do 4% de alumnos estranxeiros no ano 2000 a máis do 12% en 2009. Non obstante, a diferenza de cualificacións en PISA está en torno aos 20 puntos. O caso contrario é o de Francia: a pesar de manterse estable en canto á porcentaxe de alumnos inmigrantes, a brecha a favor dos nativos aumentou 10 puntos dende 2000 a 2009.

Os autores do informe da OCDE volven subliñar a influencia da clase socio-económica nas puntuacións de inmigrantes e nativos, pero achacan só a metade da diferenza a este factor. O demais, opinan, depende de que os alumnos falen nas súas casas o idioma no que reciben a educación, ou de se son inmigrantes de primeira ou segunda xeración.
Non obstante, tamén os sistemas educativos poden adaptarse mellor ou peor ao fenómeno da inmigración, e é aí onde hai que centrar os esforzos.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Maio 2024
LMMeXVSD
  12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas