GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Suíza e Canarias na maleta

(23/10/2012)

Suíza e Canarias na maleta

Unha traballadora de Zas narra un cuarto de século en tres destinos

Autor:
s. g. rial
Localidade:
carballo / a voz
Data

Durante décadas, a historia da emigración galega nutriuse de miles de despedidas nos peiraos antes de traxectos transatlánticos, moitos para non volver xamais. Fai moito que iso cambiou. Europa, e sobre todo Suíza, ocupou o lugar de América, e nos noventa foi Canarias -sobre todo Forteventura- a que vía chegar cada semana a centenares de galegos en busca de vidas mellores. Tamén iso cambiou, porque o paro azouta nas illas máis que en ningún outro punto de España.

Pero Galicia é país de idas e vindas, e de novo Suíza é meca migratoria, sobre todo na Costa da Morte, a comarca española (incluídos os municipios da súa contorna) con máis traballadores no país helvético. Os datos do éxodo coñecidos esta semana constatan unha realidade que hai meses, incluso dous anos, que se perciben.

Máis que de cifras, esta emigración é unha cuestión de rostros. Margarita Maroñas Ramos é un deles. Pola súa vida pasaron os ciclos migratorios do último cuarto de século. Comezaron hai 25 anos, con 15, cando os seus pais a levaron para Suíza, onde xa levaban anos, xunto coa súa irmá. Margarita é de San Cremenzo de Pazos (Zas), unha parroquia na que case todas as casas tiveron algunha vez a alguén nese país. O seu pai, por certo, achegou a súa experiencia a unha tesina dunha antropóloga suíza sobre as vivencias dos retornados.

Ata os 25, Margarita viviu en Berna. Foi alí onde coñeceu ao seu marido. Como ela, fillo de emigrantes de Carballo, que tamén se marchou de mozo ás terras altas.

Un día, xa con dous fillos, decidiron volver a Galicia. Nove anos duroulles a experiencia en campo propio. Así que, co bum canario aínda fresco, elixiron Forteventura. Primeiro foise el, e despois ela. Levaban sete anos na illa e as cousas puxéronse difíciles; hai tres meses, el, en paro, decidiu marcharse de novo. Pero agora, directamente a Suíza, xa non a Galicia. Alí ten familiares e contactos dos vellos tempos. Ten traballo e permiso, toda unha sorte. E Margarita fará o mesmo o ano que vén, cando a súa filla pequena termine o bacharelato (o maior, de 19 anos, xa estuda en Madrid, outro emigrante máis á forza).

Ten claras algunhas cousas. Di, por exemplo: «Arrepíntome moito de ter marchado de Suíza». É un queixume que se escoita con frecuencia. Os taxistas que cada semana levan e traen a veciños da zona desde Xenebra ata Liechtenstein escoitan estas palabras constantemente.

«¿Que temos agora en España? Non hai futuro»

Margarita está decepcionada. «Sempre volves coa intención de darlle un futuro aos teus fillos, pero, ¿que temos agora en España? Non hai futuro, temos que emigrar a narices», subraya. Está de acordo con que o seu marido siga onde está, a pesar da dureza da distancia, «porque cando Suíza che abre as portas, non te vas». E xa van tantos que hai quen teme un peche de fronteiras. Non só galegos, senón portugueses. Hai uns días, un diario do cantón de Xura xa titulaba a toda plana que «a crise obriga aos galegos a regresar».

Os que quedan en Canarias fano porque algo os ata; só resiste a hostalería. A construción é un fósil.

Os tempos volven ser duros, como os dos seus pais: «Non, son peores. Temos un nivel de vida alto que queremos manter, e todos estamos con débedas que hai que pagar; antes, polo menos, marchaban sen deber nada», explica Margarita con resignación.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Maio 2024
LMMeXVSD
  12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas