(04/12/2012)
Un emigrante ourensán promete un bo soldo e contratos de cinco anos
Oliver e Hortensia son un matrimonio do Carballiño que onte facían cola nun céntrico hotel ourensán para asistir a unha entrevista de traballo. Ela suma máis dun ano no paro e el non logra un emprego estable nin en boas condicións como mecánico desde hai tempo. Ata aí nada estraño.
Con todo, alén da porta non lles espera unha entrevista calquera, xa que o emprego ao que pretenden acceder atópase en Venezuela. «Cando nos dixeron da oferta na oficina dos servizos de emprego non nolo pensamos», asegura Oliver. Ata xaneiro non saberán se terán que cambiar de continente.
A decisión final depende de Alberto Cid Souto, un empresario octoxenario que leva máis de medio século en Venezuela. Na súa aventura americana creceu ata dirixir un grupo agroalimentario que, segundo di, conta cuns 2.700 empregados. «Facemos un traballo moi similar a Coren», di para arrincar cada unha das xa preto de 30 entrevistas persoais que leva en Ourense.
Segundo explica, o cariño á súa terra levoulle a tomar esta decisión: «Ofrezo entre 25 e 30 empregos porque en Venezuela escasea a xente cualificada. Por iso vingo a Ourense, onde a cousa está moi mal, para captar xente para a miña empresa. Non me serven mediocres nin aprendices. Eu estou disposto a liquidar a papeleta de xente no paro e que aquí o está pasando mal, pero eles tamén me teñen que liquidala a min», explicou Alberto Cid Souto.
Non quere falar de soldos, aínda que afirma que a xente vivirá ben e terá estabilidade: «Se queren cinco anos de contrato, non hai problema. Se é un perfil de traballador alto e pídeme que lle busque un apartamento ou un coche pódese negociar».
Na cola tamén está Pedro López, outro mozo ourensán que traballa en precario e ao que tampouco lle treme o pulso por acudir á emigración. «Se o fixeron os nosos avós e os nosos país hai 80 e 50 anos, por que non o imos facer nós», di este fillo de emigrantes con experiencia como capataz.
Secuestro
De Venezuela Alberto Cid Souto só ten boas palabras a pesar de que ten a «desgraza da violencia». Fala por experiencia propia, xa que foi vítima dun secuestro hai xa cinco anos.
|
OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO
(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
inmigracion@fegamp.es
Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas