Lalín presentou onte en Bruxelas o seu Feira do Cocido. Fíxoo na Fundación Galicia Europa ante unha nutrida representación de autoridades e europarlamentarios que, máis aló de siglas políticas, arrouparon conxuntamente unha celebración que busca a súa internacionalización. O alcalde José Crespo e o concelleiro José Antonio Rodríguez estiveron acompañados polo embaixador de España en Bélxica, Ignacio Matellanes; polo embaixador español e representante permanente ante a UE, Alfonso Dastis; polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Javier Gamallo Aller; así como polos directores xerais de Agricultura da UE, o chantadino José Manuel Silva; e de Pesca, Ernesto Pena.
A presenza de eurodeputados foi ampla: os galegos Millán Mon ?anfitrión da delegación lalinense no Parlamento europeo?, Carmen Fraga e o socialista Antolín Sánchez Presedo. Tamén asistiron os españois Carlos Iturgaiz, Salvador Garriga, Pablo Zalba, Rosa Estarás e Santiago Fisas. A nómina de eurodeputados completábase con parlamentarios de Francia, Portugal, Polonia, Austria, Estonia , Irlanda, Eslovaquia e Romanía.
A esta representación política sumáronse responsables de medios de comunicación belgas e españois desprazados en Bruxelas, que departiron cos cociñeiros José Luis e Álex Iglesias antes da degustación do emblemático prato. O alcalde, José Crespo, destacou que «o Cocido é o embaixador da cociña galega, unindo tradición e modernidade, á vez que aúna os costumes de antes e de agora. O Cocido e Lalín forman unha perfecta simbiose para retroalimentarse e darse a coñecer ao mundo». Crespo engadiu que «alí onde había un grupo de emigrantes galegos, alí pedíronnos facer o Cocido, o que nos está axudando a difundilo».
Símbolo da Galicia interior
Pola súa banda, Gamallo Aller transmitiu as súas felicitacións ao rexedor polo poder de convocatoria do Cocido, facendo valer a súa condición de lalinense: «A Feira do Cocido representa o símbolo da Galicia interior, representa a excelencia polos seus produtos e estou convencido, polo traballo de promoción, que pronto obterá a distinción internacional», dixo.
Millán tamén saudou a iniciativa de levar a Bruxelas o prato: «Ao Cocido faltáballe vir á capital de Europa. Esta é a confirmación da feira no seu camiño cara á internacionalización», e púxoo como exemplo do lema Galicia Calidade. Matellanes pechou o acto indicando que «polo seu carácter de capital de Europa, Bruxelas é cosmopolita e un punto importante onde darse a coñecer».