GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Miranda asina tres convenios en Caracas e outro en Valencia para a mellora das condicións dos galegos e as galegas de Venezuela

(26/04/2013)

Miranda asina tres convenios en Caracas e outro en Valencia para a mellora das condicións dos galegos e as galegas de Venezuela

 
  • A Xunta destina en total 110.000 euros a estes catro acordos, sufragados en parte por Emigración e noutra polo Consorcio de Igualdade e Benestar.
  • O secretario xeral visitou a ‘Hermandad Gallega’ en ambas cidades, e arestora pon rumbo a Brasil e México.
 
Secretaría Xeral da Emigración - Xunta de Galicia
Caracas / Santiago de Compostela, 25 de abril de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asina hoxe xoves no Salón Cachafeiro da Hermandad Gallega de Caracas tres convenios de colaboración con esta entidade, referente da diáspora galega e mesmo española na capital caribeña, e unha das máis importantes comunidades no Exterior por número de persoas asociadas e actividade. Para estes tres acordos coa entidade caraqueña, a Xunta destina un montante global de noventa mil euros.

Dos convenios asinados, o primeiro ten a finalidade de contribuír á atención das necesidades socio asistenciais básicas das cidadás e dos cidadáns galegos que carezan de recursos suficientes para o seu tratamento ou condicións socio sanitarias mínimas, e é sufragado pola Secretaría que encabeza Miranda. O obxectivo é que a Hermandad identifique ás persoas necesitadas, as asista de maneira individual, e adquira para eles e elas os medicamentos que precisen para o seu tratamento médico.

A achega do segundo, que engloba como persoas beneficiarias ás e os galegos, e tamén ás e aos descendentes acreditados, atendidos no Centro de Día dependente da Hermandad, é sufragado polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dependente da Consellería de Traballo e Benestar.

Un terceiro, cuxo montante achega Emigración, destínase a axuda para a oficina de información e asesoramento que a Hermandad mantén. Trátase dun punto referente da diáspora para todo tipo de relación coa Administración galega, e que desenvolve o seu labor de maneira eficaz e resolutiva.

Unión frutífera
Previamente á sinatura destes convenios, Miranda tivo oportunidade de visitar o Centro de Día dependente da Hermandad, e comprobar o inxente traballo que desenvolve a prol da colectividade galega de maior idade residente en Caracas.

E, trala sinatura, o secretario xeral puido manter un xantar de traballo con representantes de oito centros galegos con presenza en Venezuela, aos que convidou a fortalecer a unión que entre eles se está a forxar desde algún tempo. Neste senso, as comunidades galegas de Venezuela son exemplo de colaboración mútua sen perda da identidade propia, malia que unha delas, a Hermandad, supere con moito en tamaño ás demais.

Así, Miranda puido departir con parte da directiva desta entidade, e tamén con outras entre as convocadas: a Asociación Benéfica Hijos de Lalín, Centro Benéfico Social Hijos de La Estrada, Asociación Civil Fillos de Ourense, Asociación Benéfica Provincia de Pontevedra, Asociación Benéfica Provincia da Coruña, Fundación Fillos de Ourense ‘Fundaourense’ (todas elas con sede en Caracas), e Asociación Fillos de Galicia de Maracay.

A axenda do día do secretario xeral da Emigración complétase [esta noite] coa visita ao Colexio Castelao, tamén dependente da Hermandad Gallega, referente educativo na capital caribeña. Fundado en 1965, imparte ensinanzas de Primaria e Bacharelato, e polas súas aulas teñen pasado máis de cinco mil alumnas e alumnos, na súa inmensa maioría galegos e galegas ou descendentes de galegos ou galegas.

Unha entidade senlleira
A Hermandad Gallega de Caracas é, canda outros poucos centros da Galeguidade, un dos referentes máis importantes da nosa diáspora en Latinoamérica. Cunha intensísima actividade cultural, recreativa, deportiva e educativa, tamén destaca por unha vertente socio asistencial case modélica na República Bolivariana, con instalacións sanitarias con consultas e farmacia.

As súas coidadas instalacións son un oasis en plena capital caraqueña, pero ademais conta cunha sede campestre en propiedade, cunha extensión de 240.000 metros cadrados, con magníficas instalacións deportivas, camping, merendeiros, capela e restaurante, no máis puro estilo tradicional galego. Na actualidade conta con máis de dez mil persoas asociadas, das que máis do 90 por cento son galegas. Todos estes datos convértena nun exemplo de aposta de futuro por unha Galeguidade sostible.

En Valencia
Antes de achegarse ata a capital do país, e nada máis aterrado en Venezuela, Miranda visitou a Hermandad Gallega de Valencia, cidade sita a uns 180 quilómetros de Caracas. Alí se reuniu coa súa xunta directiva e visitou as instalacións da entidade, que conta cuns servizos socio asistenciais, culturais e deportivos dos máis senlleiros na cidade. Á entidade pertencen en torno a dous mil socios e socias, dos que algo menos da metade son galegos e galegas.

Trala visita ás instalacións, asinou o convenio de colaboración entre esta entidade, Emigración, e mailo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, para mantemento da atención socio sanitaria a galegos e galegas e descendentes, no respectivo Centro de Día, cun montante neste caso de 20.000 euros, achegados polo Consorcio.

Trala visita a Venezuela, Rodríguez Miranda porá rumbo a Brasil e máis tarde a México. Se no caso de Venezuela a prioridade eran os aspectos socio asistenciais, no caso dos dous próximos países tamén tomará relevancia o aspecto de expansión económica de Galicia no Exterior. Así, o secretario xeral aproveitará a súa estadía nos países carioca e azteca para fornecer as posibilidades de intercambio entre ambas beiras do Atlántico.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Maio 2024
LMMeXVSD
  12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas