O martes, coa aparición da lúa crecente, ao redor dun milleiro de musulmáns residentes en Vigo iniciarán o mes do Ramadán. Onte, último venres de rezo antes da celebración, a comunidade preparábase na mesquita da cidade. O lugar de oración está situado no número 56 da rúa Canadelo Alto, próxima á Travesía de Vigo. Conta con dous accesos para homes e mulleres e outras dependencias como biblioteca e aulas, tras constituírse hai catro anos no centro cultural islámico de Vigo.
Este ano a celebración, que se corresponde co noveno mes lunar, prolongarase desde o 9 de xullo ao 8 de agosto, data na que ten lugar a festa do Aid o Fitr (banquete de caridade) ou fin do mes sacro.
Sobre a repercusión que pode ter a onda de calor existente en Vigo no xaxún dos fieis, o imán da mesquita viguesa explica: «Somos seres humanos, non somos extraterrestres, sentimos fame e sede como os demais, pero temos capacidade para aguantar; son obrigacións que temos que facer; é un mes non é unha eternidade».
É un mes de oración, pero tamén de recollemento familiar, unha especie de Nadal, prolongada no tempo. Con tal motivo, a comunidade tira a casa pola fiestra á hora de celebralo cos seus. «A xente adoita comer o típico dos seus países de orixe; agora non hai problema para atopar os alimentos en Vigo, hai cuscús, e unha carnicería aquí cerca que nos vende a carne como a queremos», comenta o imán.
O xaxún que impón o mes de Ramadán prolóngase desde o alba ata a posta de sol. Nese tempo non se poden inxerir alimentos nin bebidas, nin sequera auga. Desta práctica están exentos nenos, anciáns, enfermos e mulleres embarazadas.
Para suplir o xaxún diúrno, durante a noite, a comida faise a discreción. O habitual é iniciarse con algo lixeiro como sopa, café ou leite. Ao redor da media noite chega a comida principal e antes do amencer tómase un tentempié.
En Vigo non existe un imán fixo. A ocupación é voluntaria e exércese de forma altruísta, polo que se van rotando.
A primeira mesquita da cidade estivo situada no número 22 da céntrica rúa do Príncipe, no interior dunhas galerías comerciais, á que acudía, sobre todo, a poboación marroquí. A venda do local obrigoulles a buscarse a vida e finalmente uníronse ao resto de africanos que dispuñan doutra mesquita nun garaxe de Guixar (Teis), próximo aos estaleiros Vulcano. As reducidas dimensións obrigaban a destinala só a homes.
A última e actual localización é a de Canadelo Alto, onde leva instalada catro anos. Poucos cidadáns, á marxe dos usuarios, coñecen a localización. De feito, cando non está aberta, pasa totalmente desapercibida, coma se tratásese dun simple garaxe.
Os propios veciños das inmediacións aseguran que non supón ningún problema, como tampouco o suporía para eles unha igrexa.
O martes empezará a celebración coa aparición da lúa en crecente