O colectivo recibiu ademais chamadas de moitos emigrantes retornados que se atopan na mesma situación, non só do municipio estradense, senón tamén doutros próximos, como Cuntis, Forcarei e Cerdedo, e de zonas máis afastadas, como Ourense. Segundo a plataforma, este interese demostra «que estamos perante un problema social e económico moi grande para moitas familias e que só ten unha solución política».
A plataforma continuará coa recollida de firmas pola revogación dos expedientes iniciados, devolución do pago, anulación de expedientes sancionadores, cesamento do cobro abusivo de intereses de demora e modificación da lei para garantir a igualdade de trato aos emigrantes retornados. Non descarta emprender outras medidas de presión ao goberno nos próximos días.
O grupo convocou para o venres 20 ás 20.00 horas unha nova asemblea informativa no teatro Principal. Nela, a funcionaria da Axencia Tributaria Otilia Otero Moldes proporcionará información técnica de utilidade aos afectados.