(09/06/2014)
A Xunta e a Federación Galega de Cuba asinaron un convenio de colaboración sociocultural
Feliberto Carrié, A Habana | 09 Xuño 2014 - Crónicas da Emigración
Un momento da ofrenda no Cementario de Colón na que participaron Mato e Miranda.
A Conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato, e o cónsul xeral de España en Cuba, Tomás Rodríguez-Pantoja, encabezaron a firma dun convenio mediante o cal a Xunta de Galicia transfire fondos para axudas a un colectivo de sociedades galegas en Cuba que posibilitará a realización de actividades socioculturais.
A firma do documento correu a cargo do secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a secretaria da Federación Galega de Cuba, Sonia Guerra, en representación de 38 sociedades galegas, representativas de municipios e parroquias de Galicia na Habana.
Os fondos para o uso exclusivo das 38 sociedades serán de 28.000 euros para o presente ano 2014 e este correspóndese cos acordos establecidos na Habana durante a viaxe do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Durante a súa intervención tras a firma do acordo, Rodríguez Miranda afirmou que o financiamento garantirá o futuro histórico da agrupación das sociedades galegas na Illa.
O responsable de Emigración da Xunta tamén explicou que se cumpren os acordos establecidos na Habana durante a visita de Núñez Feijoo "para a unidade de sociedades galegas en torno á agrupación que en diante poderá contar co apoio firme da Xunta".
Rodríguez Miranda tamén explicou que os galegos de Cuba reciben o 90 por cento das axudas individuais que outorga a Xunta en todo o mundo.
Ofrenda floral nos panteóns galegos
A Conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato, concluíu a súa visita á Habana nos panteóns de emigrantes galegos e os seus descendentes na necrópole de Colón desta capital onde colocou ofrendas florais en homenaxe os emigrantes galegos sepultados nela. En ambos os dous casos foi atendida polos seus respectivos presidentes.
O primeiro panteón en visitar foi o da sociedade de Ferrol e a súa Bisbarra onde foi recibida polo seu presidente, Domingo Regueiro, e pola Xunta Directiva da Sociedade.
Tras a homenaxe aos galegos sepultados no mausoleo, o historiador e xornalista galego Felipe Cid realizou unha ampla explicación do sacrifico e esforzo realizados polos primeiros emigrantes de Ferrol en Cuba que esgotaron todos os seus fondos para realizar a obra que perpetua aos emigrantes falecidos en Cuba.
Posteriormente, Mato e a comitiva que a acompañaba trasladáronse ata o monumental panteón da sociedade Naturais de Ortigueira onde foi recibida polo presidente e o vicepresidente da entidade, Juan Orallo e Ela Méndez, respectivamente, e pola Xunta Directiva en pleno.
Orallo ofreceu á Conselleira unha ampla explicación da orixe e as características do panteón considerado unha obra de arte. A continuación, Mato trasladouse ata a sociedade Naturales de Ortigueira.
Estivo acompañada no percorrido polo secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o conselleiro de cultura da Embaixada de España en Cuba, Pablo Platas, ademais de directivos de sociedades galegas na Illa.
Beatriz Mato e Rodríguez Miranda tamén mantiveron unha reunión coa directiva de 'Naturais de Ortigueira' Sociedade Española de Beneficencia e Protección Mutua, para analizar as súas principais actuacións en materia de atención social. Por último, os representantes galegos entregaron os premios do campionato de fútbol das sociedades españolas en Cuba.
|
OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO
(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
inmigracion@fegamp.es
Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas