GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Abelardo Vázquez: «Os gobernos sempre viron aos retornados como un capítulo pechado»

(08/01/2020)

Abelardo Vázquez: «Os gobernos sempre viron aos retornados como un capítulo pechado»

 

O avogado é un referente para miles de emigrantes. «Había un baleiro na atención ao que volvía a España»

 

 


ourense / a voz 05/01/2020

 

Abelardo Vázquez Conde é toda unha referencia para centos e centos de emigrantes retornados que nas últimas décadas acudiron ao seu despacho profesional para buscar auxilio e cobrar unha pensión «xusta» tras unha vida laboral en Alemaña e Suíza, principalmente. Polas súas mans e polas do equipo que el dirixe, aínda ao pé do canón a pesar de contar xa con 79 anos, pasaron durante todos estes anos uns 12.800 expedientes. Abelardo recoñece que a súa especialización é completamente vocacional.

 

-Emigrei a Alemaña a principios dos anos sesenta e tiven a sorte de traballar alí na asesoría da Embaixada, que era un servizo que montara o Estado español para atender aos emigrantes. Era un servizo que non se repetía en España para os retornados e aí quedou sempre un baleiro. Había moita xente que despois de regresar a España escribíanos e contábannos os seus problemas ao regresar. É un baleiro que me molestou bastante e cando chegou o momento de regresar non dubidei en dedicarme a iso. Dediqueime desde o ano 82 ao dereito social exclusivamente.

 

-¿Sempre tivo unha elevada demanda de asistencia?

 

-Nunca me faltou traballo. Había moitísima xente que necesitaba esa axuda. Temos a experiencia de que en Alemaña os funcionarios da Seguridade Social axudan moito á xente. Alí pides unha pensión de xubilación e sales de alí integralmente atendido. Iso en España non existiu nunca. Aínda hoxe tes que buscar quen che encha esa solicitude. Os mozos que emigran agora non teñen ese problema, porque teñen unha formación superior, pero os que emigraron nos anos sesenta e setenta teñen un nivel cultural moi baixo e non se lles pode pedir que se metan a encher solicitudes e que o fagan ben. Era necesaria unha oficina deste tipo e, ás veces, dá ata vergoña cobrar por unha cousa tan sinxela e elemental.

 

-¿Serviu para algo a presión social dos retornados?

 

-O certo é que desde fai uns cinco anos a Seguridade Social comezou a traballar moito mellor.

 

-¿Cre que a sociedade entendeu ben a revolta social dos retornados?

 

-A xente que se marchou nos sesenta non llo pensou gran cousa. Era xente que pagase por poder emigrar. Era saír da miseria e facían o imposible por poder emigrar. Unha vez que chegaron alí e pasaron o primeiro ano, que era de penurias e aprender sen manexar o idioma, atopábanse moi a gusto alí. Tiñan diñeiro para comer e diñeiro para mandar. Hai casas novas en pobos condenados a desaparecer. É xente que aforrou moito diñeiro e que puideron vivir ben e sen apreturas. Notei unha especie de resquemor.

 

 -¿Como recorda a época das reclamacións de Facenda?

 

-Foi unha época dura, que nos obrigou a un labor de estudo. Houbo moitos dereitos que os alemáns llos calaron e habemos ter que loitalos desde aquí.

 

-¿Por que miran os gobernos para outro lado co asunto dos dereitos dos retornados?

 

-Os gobernos miran para outro lado porque o consideran un capítulo pechado. Hoxe a xente non está a emigrar como o facía antes. Antes fomentábase a emigración desde o propio Goberno español. Había convenios bilaterais e o Goberno estaba encantadísimo de enviar a toda esa xente para fose porque era unha entrada de divisas grande e descargaban todo o mercado laboral. Hoxe xa non é así. Non se satisfai a ansia de traballo en España pero son xente con formación e os países do centro de Europa xa non buscan man de obra.

 

-¿Ve solución a estas carencias que describe no sistema?

 

-Non, isto mórrese. Esta xeración pasa e pasouse o problema. A este despacho, por exemplo, vén moita menos xente agora que fai cinco anos. Isto vaise solucionando a base de morrer a xente. Iso desgraciadamente é así.

 

«A xente vén pedirnos axuda para cobrar unha pensión xusta. E é algo importante»

 

Abelardo Vázquez e o seu despacho acaban de gañar un caso que adquiriu notoriedade mediática no Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Lograron que lle admitisen a un retornado a suma das pensións para acceder á xubilación anticipada. O avogado ourensán explica as novas problemáticas que lle teñen pensado aos retornados.

 

-Había un convenio renovado no 2011 de dobre imposición. Os alemáns agora queren cobrar impostos polas pensións que pagan. Están a facelo mal. Hai pensións de 180 ou 200 euros que realmente están exentas, pero que co que cobran de España ou dun fondo de pensións resulta que teñen uns ingresos anuais superiores aos 11.000 euros. A única limitación que teñen é que só poden cobrar o 5 % da pensión alemá. Van polo 5 % e non se molestan en mirar quen ten obrigación e quen non... e o que queira que reclame. Iso estano facendo mal.

 

-¿Cal é o perfil de servizos que lle solicita un retornado?

 

-A xente vén pedir axuda para cobrar unha pensión xusta. E é importante, para un pensionista que traballou 30 anos en Alemaña e dous en España, esa pensión pequeniña que lle corresponde por traballar aquí; case nunca se lle dá ben. Faltan 120 euros, 80 euros... Ou se lle denega, directamente. O problema é o seguinte: a vida laboral dun emigrante é unha vida partida en dúas. Si eu teño dez ou doce anos en Suíza ou en Alemaña traballando, pero deixara dous aquí cotizados... Eses dous ou tres anos que por si sos non che darían dereito a unha pensión si que cho ten que dar pola aplicación do dereito comunitario, que di que hai que xuntar a vida integral do traballador coma se toda ela se desenvolveu en España.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas