(20/04/2020)
Os retornados de Alemaña necesitan o certificado da Seguridade Social alemá para facer a declaración da renda
Redacción, Ourense | 17 Abril 2020 - Crónicas da Emigración
A Secretaría Provincial de Emigración do PSdeG-PSOE de Ourense lembra, a través do seu secretario, Luís Gulín, que os emigrantes retornados de Alemaña que cobran só e exclusivamente pensión dese país, e ningunha de España, teñen que presentar o certificado da Seguridade Social de Alemaña, o coñecido como Deutsche Renteversicherung, para facer a renda 2019 en España.
“Nese documento especificarase o que realmente cobran en pensión bruta e o que queda Alemaña da pensión para o seguro médico e seguro de dependencia”, explica Gulín, que subliña tamén que “non vale o simple certificado do banco co realmente cobrado e ingresado na conta bancaria, dado que hai unha diferenza realmente grande, nuns casos unha media de 1.500 euros anuais, que a Axencia Tributaria de España reclamará a posteriori”.
O secretario de Emigración socialista apunta tamén que con todo hai unha sentenza do mes de xullo do ano 2019 do Tribunal Superior de Xustiza (TSJ) de Galicia que sentenciou contra a Axencia Tributaria de España e no que se recolle que “eses gastos que queda Alemaña da pensión son gastos deducibles na declaración da renda de España”. Cabe lembrar tamén que, desde o PSOE de Ourense, os parlamentarios no Congreso e Senado xa fixeron xestións ante o Ministerio de Facenda para arranxar esta situación.
Os retornados deben solicitar o certificado só por correo electrónico a post@drv-rheinland.de, indicando nome e apelidos, o número da Seguridade Social de Alemaña e a petición de enviar o certificado de ingresos do ano 2019. Enviarase á dirección postal que consta en Alemaña do asegurado. Para axilizar o trámite, é preferible facelo en alemán.
“O modelo en alemán está ao dispor dos interesados nesta Secretaría provincial de Emigración e pódese solicitar ao correo cp-ourense@psdeg-psoe.org”, finaliza Luís Gulín.
OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO
(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
inmigracion@fegamp.es
Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas