(01/06/2020)
ana carro a coruña 01.06.2020 | La Opinión
Colas na comisaría da avenida do Porto, o pasado novembro. Casteleiro/Roller Axencia
O Defensor do Pobo advirte de dificultades "para acceder ao procedemento de asilo" na comisaría de Estranxeiría e Fronteiras da Coruña. Durante 2019, como expón nun informe, e ante as interminables colas para facer trámites, moitos cidadáns tiveron que "pasar a noite nos arredores das comisarías para poder obter unha cita para formalizar a solicitude". De feito, a Policía Nacional chegou a detectar revenda de quendas por vinte euros ás portas da oficina da avenida do Porto.
Ante as queixas dos cidadáns e as constantes denuncias dos sindicatos policiais, o 091 habilitou en novembro do ano pasado o sistema de cita previa, co fin de evitar as colas. "Tamén se fixeron movementos de persoal e unha porcentaxe moi alta de axentes foron destinados a atender as peticións de asilo, xa que había moitas esperas", explica a secretaria xeral do Sindicato Unificado de Policía (SUP), Sandra Castro, quen asegura que a cita previa, que se solicita de forma telemática, axudou a que "houbese menos colas". "Aínda que case sempre hai que esperar porque son procesos moi longos", apunta.
O Defensor do Pobo alerta tamén de que en provincias como A Coruña as citas para Estranxeiría "asígnanse para meses ou, mesmo, un ano despois". Uns atrasos que fan que se incumpra "sistematicamente o prazo establecido na Directiva de Procedementos de 2013: tres días hábiles para rexistrar a solicitude, se é ante autoridade competente, e un máximo de seis días hábiles, se non ostenta a competencia". O informe denuncia que "tampouco se está facilitando que a persoa que formulase unha solicitude de protección internacional poida presentala canto antes, tal e como sinala a directiva".
O problema vén de lonxe. O Defensor do Pobo xa solicitou melloras para estes trámites en 2018 á Comisaría Xeral de Estranxeiría e Fronteiras e ao Ministerio do Interior, Comisaría Xeral de Estranxeiría e Fronteiras, aos que trasladou a súa preocupación por outra serie de carencias relacionadas co procedemento. "A pesar de transcorrer máis dun ano, non se recibiu aínda resposta", lamenta no informe.
A situación repítese, como revela o Defensor do Pobo, noutras moitas cidades. Durante o ano pasado, aumentaron as queixas referidas ao sistema de protección internacional en España e o acceso a procedementos. En números, España duplicou en 2019 as solicitudes recibas en 2018, pasando de 54.000 a 118.200. Afectados as esperas que acudiron en varias ocasións á comisaría da Coruña para tratar de ser atendidos sinalaron en 2019 a este xornal que os funcionarios policiais pasaron de atender 50 servizos a 30, ata reducilos agora a 15 cando se trata dunha renovación e nove se é unha petición.
OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO
(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
inmigracion@fegamp.es
Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas