(16/06/2020)
Os galegos do exterior mostran a súa cara máis solidaria durante a pandemia do coronavirus
Redacción, Santiago | 15 Xuño 2020 - Crónicas da Emigración
As entidades galegas do exterior están a poñer en marcha diferentes medidas solidarias coas que pretenden contribuír a cubrir as necesidades básicas das persoas que están a sufrir con especial crueza a pandemia do coronavirus, que nos países de América, por exemplo, aínda constitúe unha seria ameaza. Mentres en Europa o covid-19 presenta un escenario no que cabe certo optimismo, o Novo Continente está a afrontar o inverno con preocupación e diferentes niveis de precaución en función do Goberno do que se trate.
Así, a colectividade galega de países cunha histórica tradición de acollida da emigración galega, como Arxentina, Uruguai, Venezuela ou os Estados Unidos, está a vivir con incerteza a chegada da estación fría ideando diferentes fórmulas que axuden aos máis necesitados a facer fronte ao coronavirus.
Centros galegos en América
Os galegos da Arxentina son algúns dos máis activos neste sentido, con iniciativas como as que puxeron en marcha o Centro Galego da Prata, que cede as súas instalacións ao Hospital Español da Prata para que, en caso de necesidade, as utilice. E o Centro Galicia de Buenos Aires, que tamén poñen ao dispor do Goberno da Cidade Autónoma de Buenos Aires e da Municipalidade de Vicente López as súas instalacións para o que as precisen. Ou a promovida pola Asociación Botando Raíces de Buenos Aires e a súa entrega de ‘Bolsones solidarios’ (alimentos).
Estados Unidos é outro dos países cunha importante presenza galega no que a colectividade con orixe en Galicia máis está a se mobilizar en favor dos máis desfavorecidos. Bos exemplos diso son a Casa Galicia de Nova York, que realiza doazón de comidas a hospitais; ou o Club España de Newark – Nova Jersey, que leva a cabo unha campaña de recollida de alimentos para xente sen recursos. O Centro Ourensán de Nova Jersey, pola súa banda, tamén se suma a esta onda de solidariedade cunha recollida de alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos.
Tamén Venezuela está a mostrar a súa vea máis altruísta a través do centro galego que aglutina a inmensa maioría da colectividade galega no país, a Irmandade Galega de Venezuela. A entidade está a ofrecer información sobre asistencia consular, medidas preventivas e recomendacións, e segue traballando no plan de medicamentos, facéndoos chegar aos fogares que o precisan, e complementando estas actividades cunha entrega de donativo á Asociación Venezolana de Pais con Niños con Cancro (Asovepanica).
En Uruguai, o Centro do Val Miñor de Montevideo colabora co Consulado Xeral de España para a elaboración da base de datos de persoas vulnerables nesta crise do coronavirus.
Iniciativas individuais
As iniciativas non só están a partir de entidades galegas. A colectividade galega no exterior tamén está a contar con protagonistas individuais, como Juan Lorenzo, residente en Arxentina con familia do Irixo. É técnico radiólogo especializado en impresión 3D e está a facer máscaras de protección facial en máquinas de impresión 3D para hospitais que non teñen subministración suficiente. Ademais, están a entregar outros elementos de protección.
OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO
(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
inmigracion@fegamp.es
Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas