(21/06/2020)
A ONU calcula que no mundo hai xa 80 millóns de desprazados
Só a guerra siria supera a cifra marca do éxodo venezolano
O número de desprazados e refuxiados no mundo creceu en case nove millóns de persoas o pasado ano, ata alcanzar a marca de 79,5 millóns, aproximadamente o 1 % da poboación mundial, segundo destaca o informe anual publicado este xoves pola Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur).
Trátase da cifra máis alta recollida polo organismo desde que recompila estas estatísticas, publicadas como cada ano en vésperas do Día Mundial do Refuxiado (20 de xuño).
O incremento explícase en parte polo maior fluxo de desprazados en zonas como a rexión do Sahel (Mali, Níxer), desde a República Democrática do Congo cara a Uganda ou no noroeste de Siria, segundo explicou o alto comisionado da ONU para os Refuxiados, o italiano Filippo Grandi, ao presentar o informe.
Desta poboación en movemento, 45,7 millóns son desprazados internos dentro do seu país de orixe, 26 millóns refuxiados en territorios distintos ao seu, 4,2 millóns solicitantes de asilo e 3,6 millóns son venezolanos considerados nunha categoría distinta pola dobre vertente económica e política do seu éxodo.
Éxodo político e económico
Venezuela, cuxo éxodo en realidade supera os 5 millóns de persoas, é o segundo país en número de refuxiados contabilizados por Acnur, só por baixo dos 6,6 millóns de sirios e superando a nacións como Afganistán (2,7 millóns) Sudán do Sur (2,2 millóns) e Birmania (1,1 millóns).
En canto aos destinos, Turquía é o país que acolle un maior número de refuxiados (3,6 millóns) seguido de Colombia (1,8 millóns), Pakistán (1,4 millóns), Uganda (1,4 millóns) e Alemaña (1,1 millóns).
A maioría son menores
Grandi destacou que un 40 por cento das persoas desprazadas son menores de 18 anos e subliñou que o número de refuxiados que poden retornar aos seus países de orixe (317.200 no 2019) é cada ano menor.
As solicitudes de asilo o pasado ano superaron os dous millóns, con Estados Unidos como o país que máis recibiu (301.000), seguido de Perú (259.800), Alemaña (142.500), Francia (123.900) e España (118.300).
As poboacións desprazadas afrontan ademais este ano os problemas engadidos que expuxo a pandemia.
OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO
(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
inmigracion@fegamp.es
Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas