Para o novo curso aumenta o número de bolsas para incentivar que os galegos e galegas do exterior de alta cualificación fixen a súa residencia e a súa actividade laboral en Galicia.
As bolsas sufragan viaxe, matrícula, aloxamento e manutención, cunhas contías que oscilan entre os 7.000 e os 11.574 euros.
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2021.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou a publicación no Diario Oficial de Galicia o próximo 3 de febreiro da convocatoria das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior' (BEME Máster), cuxa quinta edición supón un novo incremento, tanto no número de prazas dispoñibles como na dotación económica asignada.
O Goberno galego destina 1,72 millóns de euros impulsando a captación dun total de 200 tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.
A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, pasando das 150 bolsas do pasado curso ás 200 para o 2021/22.
Con este obxectivo, a administración autonómica pretende axudar no regreso de máis mozas e mozos a Galicia polas dificultades que poidan existir no exterior a consecuencia da covid-19.
O obxectivo das BEME é non só atraer cada ano galegas e galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.
Neste sentido, todas e todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos e mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.
Requisitos para ser beneficiaria ou beneficiario e contía da bolsa
As e os beneficiarios da iniciativa deben ser galegas e galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na prescrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.
A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aquelas e aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno ou alumna).
Á convocatoria do ano pasado presentáronse máis de 500 solicitudes procedentes de preto de 30 países distintos.
900 oportunidades de retorno
O obxectivo do Goberno galego é que a publicación desta orde se realice coa maior brevidade posible no Diario Oficial de Galicia (DOG) para que o prazo de solicitudes, que se pechará o 30 de abril, poida abrirse canto antes.
Con esta nova convocatoria o Goberno galego terá ofrecido entre 2017 e 2021, incluíndo as equivalentes de FP, a posibilidade de retornar a un total de 900 mozas e mozos galegos do exterior no ámbito universitario.