GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A II República revive en San Telmo

(27/07/2009)

A II República revive en San Telmo
O Museo da Emigración restaura as fichas dos exiliados en Arxentina
JOSÉ LUÍS ESTÉVEZ - Bos Aires - 25/07/2009

Conseguir que non se perdan os documentos que testemuñan a actividade do extinto Centro Republicano Español de Bos Aires é o labor na que está inmerso o Museo da Emigración Galega en Arxentina (MEGA). A institución alberga, desde que foi creada en 2005, preto dun centenar de caixas nas que pode rastrexarse a historia do Centro Republicano, que doou os seus fondos nos anos noventa á Federación de Sociedades Galegas.

O centro pechara as súas portas a finais da década dos setenta, tras a morte de Franco. A orientación republicana e de esquerdas que caracterizou á Federación de Sociedades Galegas ao longo da súa historia convertíaa en receptora ideal para estes fondos.

O subdirector do MEGA, Miguel Chiloteguy, explica que algunha das caixas nin sequera foron abertas, pero nos últimos meses iniciouse un proxecto para restaurar as preto de 5.000 fichas existentes de membros do Centro Republicano e que corrían perigo de perderse polo mal estado de conservación. Entre elas poden atoparse as de personaxes históricos como Castelao, Arturo Cadrado ou Lorenzo Varela. "En apenas tres meses restauráronse 2.500 fichas e a finais deste ano esperamos completar o traballo", indica Chiloteguy.

Na restauración destes documentos traballan diariamente estudantes de Restauración e Conservación de Bens Culturais da Universidade do Museo Social Arxentino. Unha vez que son restauradas as fichas son microfilmadas, o que facilitará o traballo dos investigadores que desexen acceder ás mesmas. O estado de conservación é moi diverso e hai moitas fichas perfectamente legibles e que inclúen ata fotografías dos membros do Centro Republicano, mentres que noutras o traballo dos restauradores foi moito máis complicado. Ademais destes rexistros, o arquivo cedido inclúe unha colección completa da revista España Republicana e libros procedentes da biblioteca do centro.

Pero o traballo de recuperación da memoria que realiza o MEGA non se termina coa recuperación do arquivo do Centro Republicano. Chiloteguy apunta que nos próximos meses iniciarase a restauración e dixitalización dos xornais O Espertar Galego (1921-1930) e Galicia (1930-1976). Ambas as publicacións foron editadas pola propia Federación e de feito Galicia segue publicándose hoxe en día.

Entre os seus fondos o MEGA xa conta con importantes obxectos e documentos vinculados á emigración galega, ao exilio e á República, como unha carta manuscrita de Picasso na que o artista solicita axuda para os orfos da Guerra Civil. Os documentos que ten o MEGA na súa biblioteca son consultados frecuente por parte de investigadores arxentinos e españois. No seo do museo formouse un centro de investigación que leva por nome o do político galeguista Ramón Suárez Picallo.

A Federación de Sociedades Galegas, propietaria do MEGA, naceu en 1921 cos obxectivos de "a redención do campesiño galego, a superación do atraso económico e cultural de Galicia e a liberdade do conxunto do pobo español". Nos anos trinta, a Federación adheriuse con entusiasmo á II República e chegou a contar con dous deputados nas Cortes, Ramón Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos. Tras a Guerra Civil converteuse nun ariete permanente contra o réxime franquista e no principal ámbito de actuación dos intelectuais exiliados (Castelao, Arturo Cadrado, Luís Seoane, Lorenzo Varela, etcétera). O seu momento de esplendor atravesouno na década dos cincuenta cando chegou a agrupar a 58 entidades con 15.000 socios. Na actualidade a Federación está integrada por 14 sociedades.

A sede do MEGA e da Federación sitúase no barrio porteño de San Telmo. A memoria histórica mantense viva neste pequeno recuncho de Sudamérica no que atoparon refuxio tantos galegos e españois que fuxían da ditadura.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Maio 2024
LMMeXVSD
  12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas