GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Emigración participa na xornada sobre a importancia de preservar a arte do exilio organizada polo Consello da Cultura Galega

(26/10/2022)

Emigración participa na xornada sobre a importancia de preservar a arte do exilio organizada polo Consello da Cultura Galega

Diferentes profesionais participaron nestas conferencias centradas sobre a importancia de conservar e contextualizar o legado do panorama artístico galego contemporáneo do exilio.

 

Imaxe da inauguración da xornada 'Musealizar a arte do exilio galego'

Imaxe da inauguración da xornada "Musealizar a arte do exilio galego"

 

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022.

 

A subdirectora de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais da Secretaría Xeral da Emigración, María Baleato, participou esta mañá na inauguración da xornada sobre a importancia de preservar a arte do exilio organizada polo Consello da Cultura Galega, que foi presidida pola presidenta do organismo, Rosario Álvarez.

 

Castelao, Luis Seoane, Arturo e Uxío Souto, Eugenio Granell... teñen en común ser creadores destacados do panorama artístico galego contemporáneo. Pero tamén desenvolveron unha parte importante da produción cultural no exilio. Sobre o seu legado e a importancia de conservalo e contextualizalo falaron diferentes profesionais na xornada do Consello da Cultura Galega (CCG), Musealizar a arte do exilio galego

 

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na inauguración a preocupación da institución por estudar o exilio e pola situación dos centros de cultura que se encargan de preservar a memoria. A cita conta co apoio da Secretaria Xeral da Emigración, cuxa subdirectora de Coordinación Administrativa, María Baleato, puxo de relevo que “non se esqueza a loita da cultura galega fóra das nosas fronteiras”.

 

A cita estaba coordinada por Inmaculada Real López, quen abriu a sesión matinal coa conferencia Retornar, musealizar e conservar. Nela, realizou unha lectura comparativa entre as grandes obras de Picasso e Castelao co fin de demostrar que “se El Guernica foi clave para o exilio republicano español, a figura de Castelao e, en concreto, da obra A derradeira lección do Mestre, foino para o exilio galego”. O diferente impacto que tiveron ámbalas obras tras o seu retorno en 1981 foi subliñado tamén por Inmaculada Real, quen expresou que “hai aínda que formularse moitas relecturas na historiografía artística, hai moitas cuestións que abordar, moitas figuras que poñer en valor”. 

 

Do panorama museístico galego destacou que é “moi excepcional con respecto ao resto peninsular”, sinalando que “Galicia foi o inicio dun proxecto de musealización que é completamente diferente ao do resto de España” e que “o punto de partida de todo ese proceso e dese interese por recuperar a memoria do exilio atópase no Museo Carlos Maside”.

 

A continuación, desenvolveuse a mesa redonda Museos monográficos para os artistas do exilio, que contou coa participación de diversos representantes deste tipo de institucións. Así, Silvia Longueira achegou o labor que fan dende fundación que dirixe e na que buscan “dar a relevancia necesaria á personaxe e obra de Luís Seoane”. Pola súa banda, Javier Pérez Buján afondou nas orixes da Fundación Laxeiro e no proceso de dotar á institución dunha actividade propia para convertela en “algo dinámico”, seguindo o desexo expreso do propio Laxeiro, e “que tivera os ollos postos nos novos creadores e nos artistas emerxentes”. A continuación, interveu por videoconferencia Natalia Fernández, filla de Eugenio Granell e directora da fundación que leva o seu nome. 

 

Na última das intervencións, a historiadora e xestora cultural María América Díaz Pampín profundou no papel das galerías de arte e, en concreto, da Galería Sargadelos.

 

Xa na sesión da tarde, Carlos L Bernárdez fixo unha aproximación á obra dos artistas do exilio na colección ABANCA. Pola súa banda, Ángeles Pena Truque, do Museo de Belas Artes da Coruña, recoñeceu que a presencia de Luis Seoane é practicamente inexistente nos diferentes museos estatais, e aproveitou para reivindicar a importancia deste tipo de citas para poñer en valor os nosos e as nosas artistas. “Luis Seoane foi un home comprometido coa cultura do seu tempo e a presenza da súa obra serviu para enriquecer a colección do centro” afirmou. Explicou o proceso de cesión de obras por parte da viúva de Seoane ao centro e que serviu para enriquecer o discurso expositivo, provocar unha renovación do plan de actuación do museo, reconsiderar o plan museolóxico, e foi unha axuda para a modificación dos contidos do mesmo. Luis Seoane é un creador polifacético e un representante das vangardas históricas que facilitaba a incorporación dunha linguaxe da modernidade no centro. “A Colección Seoane permite establecer unha conexión directa cunha parte importante da nosa historia” afirmou Ángeles Pena. 

 

Pola súa parte Ángeles Tilve e Aurelia Balseiro explicaron o caso de dous centros máis pequenos como o Museo de Pontevedra e o Museo Provincial de Lugo. Tilve destacou que o centro pontevedrés creou hai pouco unha nova sección dedicada á guerra, a represión e ao exilio. Nela hai obras de Castelao, Federico Rivas (Arxentina), Arturo e Uxío Souto (México), Colmeiro...  que “amosa o impacto da guerra na produción cultural e son visións dramáticas”.  

 

A xornada foi gravada e todas as intervencións están dispoñibles desde a hemeroteca e a canle de YouTube do CCG.

 

Ligazón relacionada: http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/hemeroteca/cabeceira/index.php?p=1624&id=406 

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Maio 2024
LMMeXVSD
  12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas