GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O especial “Historias de ida e volta” de novembro documenta a emigración de mariñeiros aresáns a Cuba

(24/11/2022)

O especial “Historias de ida e volta” de novembro documenta a emigración de mariñeiros aresáns a Cuba

Este especial é un proxecto web realizado pola Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega, que ofrece fotografías e documentos que axudan a entender as novas realidades migratorias a América dos anos centrais do século XX.

 

Un día de traballo: o patrón Manuel Martínez ao temón cos seus mariñeiros, de pesca polo Caribe. Foto: Arquivo da Emigración Galega

Un día de traballo: o patrón Manuel Martínez ao temón cos seus mariñeiros, de pesca polo Caribe. Foto: Arquivo da Emigración Galega

 

Listen to this page using ReadSpeaker
 

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2022.

 

A entrega de novembro do especial Historias de ida e volta, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, documenta, nesta ocasión, a emigración de mariñeiros aresáns a Cuba.

 

Desde mediados do século XXI, pescadores e mariñeiros da ría de Ares asentáronse en Cuba, onde traballaron na frota pesqueira, no transporte de mercadorías e pasaxeiros, nos estaleiros ou en empresas subsidiarias do naval. Neste tempo, conseguiron dominar o sector da pesca na baía da Habana e mesmo no Golfo de México. 

 

O novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, reflicte en vinte imaxes e documentos os labores desempeñados por estes emigrantes galegos no sector pesqueiro, fundamentalmente, pero tamén noutras actividades relacionadas co comercio, a hostalaría ou a explotación do carbón.

 

As cadeas migratorias foron o principal factor que posibilitou a emigración masiva das e dos naturais de Ares á illa de Cuba, xa que, unha vez instalados no país e convertidos en propietarios de barcos ou de pequenos negocios, os emigrantes aresáns chamaban por outros familiares e coñecidos. Funcionaron como mecanismo de inserción laboral e confluíron na creación das chamadas «economías étnicas», caracterizadas pola adscrición maioritaria dos traballadores dun concello a uns oficios específicos. 

 

O caso do viveiro Josefa do Chao, que se atopa entre os materiais que recolle esta nova entrega do especial é un exemplo desta realidade. Propiedade do emigrado Manuel Suárez Casteleiro, a maioría da tripulación deste e doutros barcos de pesca que pertencían ao empresario galego estaba formada por aresáns que se trasladaran a Cuba. “Os donos dos barcos preferían contratar os mariñeiros da comarca de Ferrol, que, aínda que emigraban moi novos, xa sabían do duro traballo no mar”, afírmase no texto. O caso do estaleiro do mallorquino Gabriel Palmer, un dos mellores de Cuba, é outro exemplo de negocio que contaba no seu cadro de persoal cunha maioría de traballadores galegos.

 

Alén do traballo que desempeñaban, estes emigrantes participaron activamente na creación de sociedades de ámbito local en Cuba, creadas con finalidades instrutivas e benéficas para promover a educación e o progreso nos seus concellos e parroquias de orixe. 

 

A Alianza Aresana de Instrucción, fundada en 1904, foi a pioneira deste tipo de sociedades, a partir de cuxo modelo comezaron a agromar outras ao longo de Cuba e Arxentina. A súa acta de constitución, a escritura de compra dun solar para construír un centro escolar na vila de Ares e unha imaxe do propio edificio constitúen algúns dos materiais que se poden consultar no especial Ares en Cuba: unha emigración mariñeira.

 

A entrega compleméntase con documentos que dan mostra doutro tipo de negocios emprendidos polos emigrantes galegos na Habana, como a ferraxería dos aresáns Casteleiro e Vizoso ou o restaurante El Escorial, ou que amosan as tarefas de explotación e transporte do carbón. Pecha o especial unha imaxe dunha das casas indianas que se conservan na vila mariñeira de Ares, exemplo do tipo de construcións que levantaron os emigrantes da zona para vivir ou para pasar tempadas tras o seu regreso a Galicia e que constituían un símbolo do seu ascenso económico e social.

 

O proxecto Historias de ida e volta

 

O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer aqueles materiais que documentan o fenómeno migratorio. En 20 entregas documentáronse os procesos de saída, chegada, a vida social e cultural... para, deste xeito, explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.

 

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Maio 2024
LMMeXVSD
  12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas