GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Un terzo da poboación na zona serán pensionistas en tres lustros

(10/12/2022)

Un terzo da poboación na zona serán pensionistas en tres lustros

javier benito LALÍN, A Estrada / LA VOZ

 

miguel souto

 

O descenso de veciños acelerarase, ao caer de 65.494 a só 62.917 en 2023

 

10 dic 2022 .

 

Cada vez menos veciños, cada vez máis vellos e cun maior grao de dependencia. Son algunhas conclusións que podemos extraer da radiografía demográfica presentada onte e que analiza a proxección de poboación en Galicia ata o 2037 ano a ano. Os datos relativos a Deza e Tabeirós-Terra de Montes incitan ao desánimo, ante a constante sangría demográfica, talvez pola falta de alicientes para os máis novos e cunha inmigración tamén á baixa. Só un dato corrobora esa tendencia: máis dun terzo dos veciños do norte provincial serán pensionistas, se aplicamos o corte nos tradicionais 65 anos, dentro de tres lustros. En concreto serán 21.890 dos 62.917 estimados para esa data no informe elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

 

A poboación na zona sufrirá unha caída progresiva que parece imparable no actual marco social e económico. A estimación para o 2023 sitúase en 65.494 persoas, mentres que descende xa a 64.215 no 2030 e a só 62.917 no 2037. E esa evolución á baixa vivirase de forma máis acentuada en Tabeirós-Terra de Montes que en Deza, segundo a proxección do IGE. Na comarca dezana cífranse 42.285 residentes o próximo ano, con 42.320 no 2030 e 42.151 no 2037. Ese descenso atenuado acelerarase de forma significativa, por contra, en Tabeirós-Montes, xa que se pasará de 23.209 a 21.984 e a 20.766 nos tres exercicios escollidos para esta comparativa poboacional.

 

Unha caída de persoas vivindo o norte provincial a pesar do previsto incremento da natalidade, que non compensa o de defuncións. O estudo estima que o próximo ano haberá 356 nacementos na zona, con 247 en Deza e 109 en Tabeirós-Montes, mentres que no 2030 prevense 371 — con 275 e 97 respectivamente por comarca— e 399 no 2036 —306 e 93—. A taxa bruta de natalidade mesmo estará por amais da galega, na 5,4 fronte ao 5,3 no 2023, o 5,8 polo 5,3 no 2030 e na 6,3 fronte ao 5,6 no 2036. Tamén se achega como dato o progresivo incremento na idade media das mulleres ao chegar á maternidade, que na zona será de 33,26 anos o próximo exercicio, subindo ata os 33,58 e os 33,72 no 2030 e o 2036.

 

Falecementos

 

O número de falecementos estimados no estudo do IGE permite constatar nesa comparativa aleatoria de tres anos durante os tres lustros da proxección que haberá un descenso progresivo, paralela á propia perda de poboación. Así, no 2023 prevense 973 decesos na zona, con 629 en Deza e 343 en Tabeirós-Terra de Montes; no 2030 serían 908, con 580 e 327 en cada comarca; e, para rematar, 891 no 2036, con 574 e 317. A taxa bruta de mortalidade está moi por amais no norte provincial do conxunto de Galicia, en concreto da 14,9 fronte ao 12,2 para o próximo ano, da 14,2 fronte ao 12,5 para o 2030 e da 14,1 fronte ao 13 para o 2036.

 

Saldo vexetativo negativo

 

O saldo vexetativo, loxicamente, resulta negativo tanto en Deza como en Tabeirós-Terra de Montes ante a elevada cifra de mortes fronte ao moi inferior número de nacementos. Desta forma, o próximo ano a estimación dese saldo vexetativo é de 617 persoas menos —382 en Deza e 235 en Tabeirós—, que cae a 537 no 2030 —306 e 231— e, para rematar, a 492 no 2036 —268 en territorio dezán e 224 no de Tabeirós-Montes—.

 

Saldo migratorio en progresivo descenso

 

Outro dos parámetros analizados polo IGE fai referencia ao saldo migratorio, que continuará sendo positivo na zona, é dicir, haberá máis inmigrantes que cheguen que emigrantes se marchen, pero en constante descenso segundo transcorran os anos. Así, no 2023 estímase en 388 persoas, para caer a 313 no 2030 e a 289 no 2036. Deza terá peor evolución neste indicador que Tabeirós-Terra de Montes.

 

O número de centenarios duplicarase en tan só quince anos

 

Nas comarcas a lonxevidade destaca, cun número significativo de centenarios nos seus censos. Esa tendencia incrementarase, segundo esta proxección poboacional, de forma exponencial. As persoas con máis de cen anos ás súas costas duplicaranse entre o 2023, cunha estimación de 85 —61 en Deza e 24 en Tabeirós-Montes—, e o 2037, cando se acadarán os 174 —108 e 66 respectivamente. E para os curiosos, con maioría de mulleres: o próximo exercicio serán 31 homes por 54 mulleres, para pasar a 28 e 82 respectivamente no 2030 e a 41 e 133 no 2037.

 

Idade media, ata os 53,7

 

Tanto o índice de envellecemento como o de dependencia global nas dúas comarcas está por amais de forma substancial respecto da media galega. O mesmo ocorre coa idade media, que no 2023 cífrase en 50,4 anos na zona fronte aos 47,8 do conxunto de Galicia; no 2030, aquí será de 52,1 por 49,9 na comunidade autónoma; e no 2037 de 53,7 fronte a 51,7 anos.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Maio 2024
LMMeXVSD
  12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas