GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A revista Céltiga incorpórase ao Repertorio da prensa da emigración galega

(16/06/2023)

 

Céltiga foi o punto de encontro da intelectualidade galega residente na Arxentina entre os anos 1924 e 1932, período durante o cal se difundiu a cabeceira. Editada pola Empresa Céltiga. Sociedad Anónima Cooperativa Limitada, concibiuse como unha revista cultural ilustrada de liña galeguista e nela colaboraron figuras tan destacadas como Castelao, Maside, Suárez Couto, Francisco Asorey ou Luis Ksado. A publicación completa foi dixitalizada hai case unha década e incorpórase agora ao Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG).

 

Fundada en Bos Aires no ano 1924 por Domingo Rial Seijo e Ramón Peña, Céltiga mantivo a súa actividade ata o ano 1932, momento en que, coincidindo co Día de Galicia, publicou o seu derradeiro número. Durante este período, a revista non só se distribuíuna capital e noutros lugares da Arxentina, senón que tivo tamén axencias en Galicia e O Uruguai e axentes-correspondentes en cidades como Asunción, Santiago de Chile, Baía, Punta Arenas ou Antofagasta.

Adolfo Vázquez Gómez, Eduardo Blanco-Amor, Eliseo Pulpeiro e Ramón Suárez Picallo foron os directores literarios desta cabeceira, que tomou a forma dunha revista cultural ilustrada. Entre as súas páxinas poden lerse textos elaborados tanto por notables intelectuais arxentinos como por importantes personalidades galegas, que abordaron diferentes temas vinculados con Galicia. Nun intento por achegarlles aos lectores a realidade cultural do país, a cabeceira incluíu tamén notas biográficas de artistas galegos, comentarios bibliográficos, reproducións gráficas das súas obras e colaboracións literarias, entre as que se observan algunhas tan destacadas como as de Castelao, Ramón Cabanillas ou Vicente Risco. A sección “El momento de Galicia” daba conta das novas de actualidade galega e en “Galicia Deportiva” informábase daquelas vinculadas co ámbito dos deportes. Estas noticias complementábanse con artigos que analizaban diferentes aspectos da realidade galega: a política, a agricultura, a pesca etc. Os contidos incluídos en Céltiga amosan a liña galeguista propia da publicación, que se acentúa a partir da inclusión da sección “Idearium Galeguista”.

Alén disto, a cabeceira informaba dos feitos vinculados coa colectividade e, en situacións concretas, mesmo chegou a amosar cal era o seu posicionamento a respecto da orientación de determinadas institucións, como o Centro Galego de Bos Aires. A actualidade arxentina era outro dos temas que estaba presente na publicación, na que se incorporaron tamén seccións específicas arredor da cultura e literatura arxentinas (“Firmas sudamericanas” e “Poetas argentinos”, por exemplo).

As ilustracións eran moi abundantes e estaban localizadas nas páxinas centrais da revista. Xunto coas fotografías institucionais e de sociedades, adoitaban publicarse outras de paisaxes e motivos galegos. Tamén era frecuente que se reproducisen as obras de destacados artistas galegos, así como debuxos e viñetas humorísticas. A publicidade, igualmente abundante, estaba conformada por anuncios de establecementos comerciais, compañías de navegación e de seguros, bancos, produtos de consumo etc.

A editora Empresa Céltiga. Sociedad Anónima Cooperativa Limitada publicou a revista, de carácter quincenal, ata o ano 1932. En total, saíron do prelo 169 exemplares, que se organizaron en 182 números, xa que as edicións extraordinarias contaban cunha dobre numeración. Actualmente, os orixinais gárdanse en diferentes localizacións: na Fundación Penzol, na Universidade de Santiago de Compostela, na Real Academia Galega e no Instituto Sarmiento. En 2014 o Consello da Cultura Galega levou a cabo a centralización e dixitalización da totalidade dos exemplares, que hoxe se incorporan ao Repertorio da prensa da emigración galega co fin de facilitar a súa localización e consulta.

O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.

 

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Maio 2024
LMMeXVSD
  12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas